A que conclusións chegamos?

Trala experiencia dos Encontros e do Foro da Soidade chegou o momento de reflexionar sobre todo o sucedido, falado e creado nestes espazos de reflexión colectiva e analizar o noso punto de partida no comezo do proxecto e o punto no que nos atopamos. Porque, dalgún modo, a Soidade que comezou a andar no outono de 2017 non é a Soidade na que nos atopamos agora.

Principalmente, chegamos a un concepto de soidade moito máis amplo. O noso foco inicial -a situación das persoas maiores- deu paso a “outras soidades”, polo que a nosa maneira de abordar esta cuestión debe tamén expandirse cara ás persoas migrantes, con discapacidades, desempregadas ou víctimas de violencia de xénero, entre outras circunstancias.

Entre todas as persoas que participamos nestas semanas de reflexión colectiva, puidemos chegar ademais a varias conclusións: por exemplo, que as situacións de soidade non escollida abórdanse dende unha perspectiva asistencial, sen que exista un enfoque preventivo. Os recursos, sexan públicos ou privados, diríxense a situacións de vulnerabilidade detectadas dende os servizos sociais. E o volume de traballo é tan grande que as profesionais carecen de tempo para reformular ou pensar noutras posibilidades.

Falta un enfoque interdisciplinar e espazos e propostas que permitan á cidadanía formar parte da procura e prototipado de solucións.

A contorna na que vivimos tampouco acompaña. Especialmente nas cidades, pero tamén nas vilas e núcleos rurais, o mobiliario non está pensado para favorecer a socialización: dalgún modo, o espazo que habitamos empúxanos á soidade.

Nós, cunha ollada máis ampla e reflexións coma estas, achegadas por todas as persoas que quixeron participar no noso proxecto, cremos que é o momento de abrirlle a porta á innovación, a cultura e a creación artística. E de preguntarse que poden aportar estas disciplinas á solución dun problema social desta magnitude ou á reformulación dos espazos nos que vivimos dende a comunidade.

E sobre estas novas bases seguiremos traballando…