O desenvolvemento do proxecto SOIDADE permitiunos avanzar en moitas cousas. Por unha banda, ampliar o foco e resituar a problemática, que pensabamos localizada nunha franxa de idade, no conxunto na sociedade a través de numerosas circunstancias.
Por outra, e grazas á exploración colectiva e ao contacto con moitas persoas de diferentes ámbitos, reafirmarnos na nosa idea de que innovación, creatividade e cultura poden ser as ferramentas do cambio neste ámbito. Sen esquecer en absoluto o importantísimo papel da comunidade, da cidadanía como xeradora das súas propias solucións.
Neste exercicio de reflexión, xeración de ideas e prototipado que levamos a cabo en diferentes momentos e lugares, coñecimos varias propostas. En moitos casos, baseadas no tecido social máis próximo -o dos barrios nas cidades ou das parroquias no rural- e sustentadas na capacidade das persoas de coidarnos. Noutros, reinventando o uso dos espazos ou tecendo fíos interxeracionais. Empregando a tecnoloxía como nexo de unión e a arte como chamada á reflexión e á acción.
As primeiras notas que tomamos ao respecto medraron e acabaron por convertirse nunha lista de propostas innovadoras coa entidade suficiente como para ser compartida.
Agardamos que vos inspire tanto coma a nós e que siga medrando. Quen sabe! Se cadra a seguinte iniciativa inspiradora construímola xuntas…