Este mes de decembro celebramos varias sesións colaborativas para abordar a soidade non desexada dende a perspectiva da innovación e a cultura que formulamos como jams de creatividade: espazos nos que pensar de maneira colectiva e, sobre todo, prototipar posibles maneiras de afrontar esta problemática.
Nas semanas previas lanzamos a convocatoria, cun convite especial a todas aquelas persoas vecelladas aos eidos da innovación, a creación e a cultura, xa que son estes ámbitos dende os que queremos avanzar no proxecto.
A primeira parada destas sesións foi o 16 de decembro no centro social de Boiro, onde atopamos tamén a persoas vinculadas profesionalmente aos servizos municipais e a experiencias máis próximas á órbita asistencial, pero cun grande interese en explorar propostas relacionadas co noso enfoque e en como abordar un problema, que xa temos claro que vai máis alá das persoas maiores e da solución de necesidades, dende unha óptica radicalmente distinta á habitual.
Trala experiencia de Boiro, celebramos dúas jams en Compostela. A primeira delas o 17 de decembro, no centro sociocultural Casa Agraria, coas persoas maiores usuarias deste servizo, que aportaron unha interesantísima visión sobre necesidades e solucións concretas. Esta jam permitiunos ver as necesidades e as solucións dende a perspectiva de usuaria e constatar como, ás veces, o remedio a algunhas cousas é sinxelo. Tanto como colocar un par de bancos na praza do barrio.
A segunda celebrouse ao día seguinte no centro cívico do Ensanche. Nela traballamos para reflexionar xuntas sobre experiencias inspiradoras e poñer os alicerces dun mapeo que culminamos o 20 de decembro no espazo da Asociación Arteixo TIC en Arteixo. Neste último encontro abordamos como poderían trasladarse ao contexto dixital iniciativas inspiradoras, comunitarias e creativas.