Nesta estapa do proxecto Soidade estamos a desenvolver varios encontros baixo a fórmula de jams de creatividade, buscando a perspectiva de persoas vinculadas ao mundo da arte e a cultura. Pero o encontro do que vos falamos hoxe formulouse desde a experiencia de usuario dun centro sociocultural. Sendo os usuarias e usuarios persoas maiores.
A jam tivo lugar na Casa Agraria de Meixonfrío, na zona periurbana de Compostela: un centro sociocultural de xestión privada, neste caso da asociación vecinal, integrada na Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago. Para desenvolvela colaboramos coa empresa Ferrovial, que é a entidade que xestiona a Rede e que desenvolve cos seus traballadores e trabaladoras do ámbito sociocultural actividades nestes centros.
Sen dúbida, estes centros comunitarios facilitan o encontro das persoas do barrio, pero están supeditados a unhas estruturas formais e de organizción que non sempre respoden ás súas necesidades reais. Por iso, as as impresións da veciñanza usuaria de maior idade nos resultaban especialmente interesantes.

Co grupo en marcha, propuxemos un espazo aberto de diálogo mediante a técnica do world café, no que se abordou o tema da soidade desde diferentes enfoques: o papel do centro sociocultural, a estrutura do barrio, a vida cultural na zona, as experiencias persoais…
Das reflexións e aportacións que fixeron as persoas parcipantes destacamos as seguintes, e que poden ser insights válidos para iniciar liñas de exploración:
O centro sociocultural estrutura a vida das persoas maiores no barrio. Arredor del constrúense espazos formais e informais de interacción e participación. Se ben é certo, que “sempre son os mesmos”, dicían. De feito, hai persoas que rexeitan este espazo por estar “tan organizado”.
Reclaman espazos para compartir, ao cuberto, pero tamén libres e non dirixidos. Así sucede noutros centros culturais da cidade. Unha solución concreta era a necesidade de dispoñer dun espazo público onde poder sentarse máis de tres persoas (polo tamaño dos bancos). Segundo explicaban, non existe unha praciña cuberta e resgardada onde sentarse a falar cos veciños. Con sorna ríanse dun parque próximo, cun bonito deseño, pero que é practicamente inaccesible para a xente maior ou con prolemas de mobilidade.
Outro dos temas é a nova estrutura social do barrio. Cada vez ten máis vivendas novas e nova veciñanza. A sensación de pequena vila onde todos se coñecen e se saúdan está a desaparecer. Esta nova individualidade no barrio está a xerar en moitas persoas maiores unha sensación de inseguridade e desprotección.
Ao ser un barrio periférico, apenas ten actividade cultural. A maioría das persoas afirman estar contentas coa oferta do centro sociocultural, pero tamén comentan que descoñecen o que sucede no resto da cidade. As de maior idade contan que cada vez van menos do centro e que a vida se circunscribe ao barrio e á casa.
A maioría das observacións e consideracións fanse a partir das propias experiencias persoais. E nas diferentes historias sobre a soidade, destacan aquelas das persoas que van “desaparecendo do barrio”. As circunstancias vitais, de saúde, económicas,… marcan notablemente ás persoas para saír e conectarse.
Como conclusión deixáronnos esta reflexión: a soidade é coma unha “espiral emocional” que se vai alimentando dos problemas, da ansiedade e a depresión.