Medrar no pebideiro da innovación social

A necesidade dunha diagnose da situación das persoas maiores da cidade da Coruña como paso previo a mellorar a súa situación foi un dos seis proxectos que acolleu no outono de 2017 o CoLab Municipal: un espazo para a dinamización e a transformación social , dende a proximidade e a innovación, e no que partiamos co obxectivo de involucrar aos colectivos que colaboran e traballan coa poboación maior da cidade para xerar unha iniciativa global que mellorara a súa realidade social.

Así comezaba en outubro o proxecto Soidade, que enseguida lanzou as súas primeiras convocatorias abertas.

Imaxinamos xuntas as respostas da cidadanía e das institucións da Coruña ante o reto da soidade nas vindeiras décadas?

Con esta chamada convidamos á participación nos Encontros e no Foro da Soidade. No caso dos Encontros, durante o mes de novembro en diferentes espazos socioculturais da cidade, tratábase de traballar na reflexión colectiva a través de metodoloxías creativas e dinámicas áxiles, para identificar retos e xerar ideas para posibles solucións.

Estas xuntanzas, orientadas a axentes vinculados -profesional ou persoalmente- á temática da soidade en maiores, concebíronse tamén abertas a calquera persoa que se sentira interpelada a participar no proceso. Cunha xornada reservada a persoas maiores usuarias de diversos centros cívicos da cidade.

O Foro, pensado como unha xornada pública, celebraríase o 12 de decembro no Centro Ágora estruturado en dúas quendas: a de mañá, con persoas expertas convidadas e unha mostra de experiencias relacionadas cos retos identificados nos Encontros da Soidade. E a de tarde, cunha posta en común, tamén a través de metodoloxías creativas, das principais conclusións do proceso de traballo desenvolvido nas semanas previas.

O resultado de ambas propostas contámosvolo polo miúdo en vindeiras publicacións…